7 dic 2015

«Ghalegho», o vídeo ideado en Rianxo que arrasa na Rede. 

 


A cinta foi realizada por Noelia Gómez, estudante de Xornalismo, en defensa e emprego da Lingua Galega e das súas peculiaridades: gheada e seseo.

 

 

 


Tecleando no buscador de Youtube oito letras, Ghalegho, un accede a un curioso e orixinal vídeo que, nos seus dous minutos de duración, chama a atención de principio a fin. Os protagonistas son catro mozos; os escenarios, fermosas paisaxes de Rianxo e Dodro; e o contido, a defensa do idioma galego en todos os eidos e con todas as súas peculiaridades, seseo e gheada incluídos. A cinta, ideada e dirixida por unha rianxeira que estuda Xornalismo en Santiago, está arrasando en Internet. 


Noelia Gómez é a autora deste vídeo, elaborado como traballo para as clases de galego: «Tiñamos que facer algo sobre o idioma e, como son de Rianxo e falo con seseo e gheada, ocorréuseme reivindicar as peculiaridades da miña zona e, de paso, defender as variantes do galego». 


Para desenvolver a súa idea, contou coa colaboración de tres amigos de Imo, no veciño municipio de Dodro. Xunto coa propia Noelia; Martín Piñeiro, Ana Rei e Carlos Rey póñenlle voz a situacións cotiás, coas que se atopan no seu día a día, e que lonxe das críticas ás que en máis de unha ocasión tiveron que enfrontarse, revolven empregando a lingua nai, tal e como a mamaron, sen disfraz algún. 


Miles de visitas


Pouco podían imaxinar Noelia Gómez e os seus colaboradores o éxito que ía acadar este traballo. En Youtube, onde foi colgado hai cinco días, tivo máis de sete mil visitas; pero en algunha páxina de Facebook, xa supera as dezasete mil. 


Os protagonistas deste traballo audiovisual están satisfeitos de poder espallar a súa mensaxe, ledos de chamarlle incultos «aos que se rin da nosa forma de falar», felices de poder dicirlle a miles de persoas que están «orghullosos» de falar a súa lingua, contentos de seren «ghaleghos» e de falar «ghalegho».