Tecleando no buscador de Youtube
oito letras, Ghalegho, un accede a un curioso e orixinal vídeo que, nos
seus dous minutos de duración, chama a atención de principio a fin. Os
protagonistas son catro mozos; os escenarios, fermosas paisaxes de
Rianxo e Dodro; e o contido, a defensa do idioma galego en todos os
eidos e con todas as súas peculiaridades, seseo e gheada incluídos. A
cinta, ideada e dirixida por unha rianxeira que estuda Xornalismo en
Santiago, está arrasando en Internet.
Noelia Gómez é a autora deste
vídeo, elaborado como traballo para as clases de galego: «Tiñamos que
facer algo sobre o idioma e, como son de Rianxo e falo con seseo e
gheada, ocorréuseme reivindicar as peculiaridades da miña zona e, de
paso, defender as variantes do galego».
Para desenvolver a súa idea,
contou coa colaboración de tres amigos de Imo, no veciño municipio de
Dodro. Xunto coa propia Noelia; Martín Piñeiro, Ana Rei e Carlos Rey
póñenlle voz a situacións cotiás, coas que se atopan no seu día a día, e
que lonxe das críticas ás que en máis de unha ocasión tiveron que
enfrontarse, revolven empregando a lingua nai, tal e como a mamaron, sen
disfraz algún.
Miles de visitas
Pouco podían imaxinar Noelia
Gómez e os seus colaboradores o éxito que ía acadar este traballo. En
Youtube, onde foi colgado hai cinco días, tivo máis de sete mil visitas;
pero en algunha páxina de Facebook, xa supera as dezasete mil.
Os protagonistas deste traballo
audiovisual están satisfeitos de poder espallar a súa mensaxe, ledos de
chamarlle incultos «aos que se rin da nosa forma de falar», felices de
poder dicirlle a miles de persoas que están «orghullosos» de falar a súa
lingua, contentos de seren «ghaleghos» e de falar «ghalegho».